Elixio Rodríguez Domínguez (Grou, Lobios 1910 – México D.F. 2007) acolleu dende moi novo a causa do galeguismo. Tras o alzamento do 36 sufriu persecución política. Refuxiouse na Lexión Estranxeira e, debido a unha conxuntura afortunada, ingresou na Arma de Aviación co grao de alférez. O 7 de marzo de 1937 fuxiu a Xibraltar nun vello Breguet-XIX para incorporarse á aviación republicana, onde permaneceu ata o final da guerra. Refuxiado en Francia, grazas á intercesión de Castelao e Luís Soto e ao apoio das comunidades galegas de América, Elixio foi un dos moitos galegos evacuados en 1939 cara a México. Durante décadas de exilio participou en múltiples actividades culturais galeguistas como a revista Saudade, o programa de radio A hora de Galicia ou a revista Vieiros. Entre as súas amizades contáronse Companys, Olof Palme, André Malraux ou o espía británico James Playdon. Como escritor publicou Matádeo mañá (Xerais 1994, 2008), unhas apaixonantes memorias, consideradas como un dos cumes do xénero autobiográfico en lingua galega.
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.