Anselmo López Carreira, nacido en Vigo en 1951, foi deslocalizado a Ourense xa de neno. Licenciado e doutorado en Historia na Universidade de Santiago de Compostela, especializouse na Idade Media galega.
O primeiro ámbito de investigación foi a cidade, con estudos centrados en Ourense (“Ourense no século XV”, 1991; “A cidade de Ourense no século XV”, 1998) ou ampliados ao fenómeno urbano medieval galego (“A cidade medieval galega”, 1999).
Outros campos de interese, non apartados do marco urbano, son o movemento das Irmandades do século XV (“A Revolución Irmandiña”, 1987; “Os irmandiños. Textos, documentos e bibliografía”, 1991) e a edición de fontes documentais (“Padróns de Ourense do século XV”, 1995; “O pleito das fortalezas da cidade de Ourense”, 1998; “Libro de Notas de Álvaro Afonso”, 2000; “Fragmentos de Notarios”, 2007; “Libro de protocolos de Xoán García”, 2007).
De índole máis xeral son os seus traballos referentes ao reino medieval, con títulos como “Os reis de Galicia” (2003) ou “O reino medieval de Galicia” (2005) e a participación en varias obras colectivas de “Historia de Galicia”.
En Xerais ten publicados “O Miño. Un caudal de historia” (2015), “Historia de Galicia” (2016) e “Arte e escritura na Galicia medieval” (2019).
Profesionalmente é catedrático de ensino secundario en Cangas do Morrazo e profesor-titor de Historia Medieval e Paleografía no centro da UNED en Ourense.
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.