Héctor Carré (A Coruña, 1960) é director de cine e escritor. Publicou as novelas «Diario do impostor» (Xerais, 2007) e «Hai que matalos a todos» (Xerais, 2015) e gañou o Premio Jules Verne coa novela «Febre» (Xerais, 2011), que tamén foi recoñecida como Mellor libro xuvenil do ano polos lectores/as de Fervenzas Literarias. Así mesmo, obtivo o Premio Internacional de Teatro para Autores Noveles Agustín González pola súa obra «Las palabras grandes». Iniciouse en Madrid en 1981 na arte cinematográfica, tras obter o título de director de fotografía no Taller de Artes Imaginarias (TAI). Deseguido, comezou a traballar como axudante de dirección cos mellores directores españois (entre os que destacan P. Olea, M. Camus, J. Chávarri) e internacionais (Terry Guilliam e Steven Spielberg). Tras escribir e dirixir curtametraxes, escribe e dirixe «Dáme lume» (1995), premio Goya ao Mellor director novel; «Dáme algo» (1998), Mellor director e mellor actor no Festival Internacional do Porto; e «A promesa» (2004), galardoada con diversos premios. Desde 2001 volve residir na Coruña onde tamén traballa en publicidade e como guionista para a Televisión de Galicia («Libro de familia» e «Matalobos») e para o cine, ademais de seguir dirixindo películas como «Personal Movie» (2011) ou as longametraxes documentais «Post Truth Times» (2017) e «Clown’s Planet» (2021). O libro de relatos «Medos» (Xerais, 2021) é a súa obra máis recente na colección Narrativa.
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.