Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920 – A Coruña, 2012) foi unha das figuras máis salientables e recoñecidas da Galicia do século XX. Intelectual galeguista, pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario. Cursou estudos na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, e foi profesor na Real Academia Catalá de Belas Artes de San Jordi de Barcelona. Expuxo as súas obras en España e no estranxeiro. Abandonou as artes plásticas e pasou á cerámica, fundando con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro no Castro de Samoedo (Sada), ensaiando con materias primas empregadas nas primitivas cerámicas de Sargadelos (en Cervo). En 1963 constituíu na Arxentina, con destacados galeguistas como Luís Seoane, o Laboratorio de Formas, precursor doutras actividades industriais e culturais como a restauración da produción de cerámica de Sargadelos, en colaboración con Cerámicas do Castro (1963), o Museo Carlos Maside (1970), a editorial Ediciós do Castro (1963), o restaurado Seminario de Estudos Galegos (1970), ou o Instituto Galego de Información. A súa faceta máis coñecida foi a dirección e administración do Grupo Sargadelos. En 2009 recibiu a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes de España. Entre os seus títulos de ensaio destacan, entre outros, Xente do meu Rueiro, O ángulo de pedra, Galicia Hoy (xunto con Luís Seoane), Paco Pixiñas (con Celso Emilio Ferreiro), O Marqués de Sargadelos, Castelao etc. Este libro reúne por primeira vez a súa obra poética.
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.