Luis Amado Carballo (Luís Gustavo Amado Carballo) (Pontevedra, 1901-1929) figura, xunto con Manuel Antonio e Luís Pimentel, entre os protagonistas da renovación poética do primeiro tercio do século XX. Estudiou o Bacharelato no Instituto da súa cidade natal e, tras cursar dous anos de Filosofía e Letras na universidade compostelá, regresou a Pontevedra para seguir a carreira de Maxisterio. Durante a súa curta vida, Amado Carballo exerceu como mestre de escola e xornalista, profesións que lle garantiron poder dedicarse sen preocupacións económicas á súa obra de creación. Co obxectivo de traballar como xornalista, Amado Carballo partiu para Madrid en 1920, onde colaborou no xornal La Tribuna , na revista España e noutras publicacións españolas e galegas. Mais decidiu voltar á súa cidade de orixe e, desde Pontevedra e Vigo, continuar a escribir para diferentes medios galegos ( Progreso, La Concordia, El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, Nós, Vida Gallega, etc.). A pesar de ser recordado fundamentalmente como poeta, o pontevedrés iniciou a súa andaina na literatura como narrador, coas novelas curtas Maliaxe (1922) e mais Os pobres de Deus (1925), e o conto Un milagre do santo San Francisco. En 1924, Amado Carballo contrae unha tuberculose pulmonar, o que o forza a abandonar o seu traballo xornalístico en Vigo e retornar a Pontevedra. A súa obra lírica comprende dous poemarios, Proel (1927, Xerais 2001) e mais O galo (1928, Xerais 2001). De todos os xeitos, foi un dos poetas que máis influíu nas xeracións posteriores. Está considerado como o creador da denominada escola imaxinista ou hilozoísta.
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.