Víctor De Las Heras «Vitín» (Vigo, 1953) é licenciado en Ciencias da Información, rama Publicidade, e cursou ademais na Universidade Complutense de Madrid catro anos de Xornalismo. Paradoxalmente, a súa dedicación profesional será a fotografía, a única especialidade non cursada nos seus estudos e que aprendeu de modo autodidacta. Tras un período dedicado á hostalería en Vigo e Ibiza, que rematou en 1982, iniciou logo unha traxectoria profesional no deseño xornalístico e como creativo publicitario que nunca abandonou, aínda que o fotoxornalismo foi a súa principal dedicación.
En 1983 comeza ese labor publicando as súas primeiras fotos nas revistas El Pope e Informe Gallego, ademais de colaborar noutras españolas ás que servía de correspondente, como Tiempo, unha das de maior tiraxe naqueles anos. A finais dos anos 80 dá un salto como free lance a Latinoamérica, primeiro a Panamá e logo a Brasil, país que o seduciu especialmente, onde reflectiu coa súa cámara o lado amargo da realidade, dende as favelas aos grandes vertedoiros de lixo da cidade de Baía nos cales a xente sobrevivía e dos que se alimentaba. Manifestacións da cultura da negritude, dende a capoeira ao candomblé, foron tamén obxecto da atención da súa cámara.
En 1997 foi cofundador da revista Pueblo Gallego, na cal foi responsable da área de fotografía sen deixar de colaborar con outros medios. Hoxe é un free lance que busca a vida como pode nestes tempos de crise.
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.