Xesús Constela (Ferrol, 1963) reside en Poio. Deuse a coñecer ao gañar o Premio Torrente Ballester con «As humanas proporcións» (2004), colección de relatos galardoada tamén co premio da Asociación Española de Críticos Literarios. En 2007 publica a novela «Libro das alquimias» (2007). En 2008 gañou o Premio Manuel García Barros con «Shakespeare destilado» (2008), un monólogo humorístico sobre o proceso creativo que pon en dúbida a ficción tradicional e xoga coa tradición literaria de William Shakespeare. Na novela «15.724» (Xerais, 2012), que obtivo un grande éxito de crítica, presenta un xogo de voces narradoras que obrigan a reflexionar acerca de asuntos como a fronteira entre a cordura e a tolemia, a submisión ao poder ou a aplicación da pena de morte. En 2014 publicou «Apoteose das perchas», unha novela breve en clave de sátira, e posteriormente «A rotura das paisaxes» (Xerais, 2016), «Lisa deitada» (2018), «O peso do cerebro» (Xerais, 2021) e «Doce voz de Megafonía» (Xerais, 2025).
Foi colaborador do suplemento «Nordesía» do «Diario de Ferrol» entre os anos 2004 e 2009 e ten numerosos artigos publicados en xornais e revistas. Participou en varias obras colectivas: «Pontevedra, laranxeiras e limoeiros», «Plug & Play. Antoloxía galega de ciencia ficción erótica», e en dous volumes da serie «Contos do sacaúntos» da Fundación Vicente Risco. Co título de «Como se fixo o primeiro alfabeto» (2008) publicou a tradución e adaptación de dous contos de Rudyard Kipling. Foto do autor: Helena Constela.
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.