O «Dicionario dos seres míticos galegos» é unha viaxe a través da mitoloxía do país, asentada na oralidade dos devanceiros e, daquela, un libro de consulta práctico, útil e fermoso ao tempo, pero tamén é unha viaxe que atravesa páxinas de forte contido narrativo, e lectura amena, entretida e divertida. Co rigor dun dicionario e o feitizo dunha novela apaixonante, este libro constitúe unha das máis importantes achegas ao patrimonio cultural galego nos últimos anos.
Nas 710 entradas das que consta o «Dicionario dos seres míticos galegos» pode o lector atoparse con xente cativa, xigantes, olláparos, ananos, xacias, sereas, xerpas, rabenos, encantos, lamias, lavandeiras; entrar no pazo dos mouros e conversar coa Mourindade; roubar o peite da moura; recoller carbóns que se convertan nun tesouro; sufrir con paciencia a trasnos, diaños e tardos; durmir con Pedro Chosco; ter medo da estadea; fuxir con Brancaflor ou oír os contos de María Castaña.
O lector poderá visitar as tumbas de Orcavella e a raíña Lupa; asaltará casas con Pepa a Loba; beberá na fonte de Ana Manana; voará con meigas, chuchonas e nubeiros; correrá sete parroquias cos lobishomes; verá como Deus crea demos e anxos; asombrarase con lobos, cobras, dragóns, basiliscos, cocas, unicornios; navegará no bergantín pantasma; andará os camiños coas ánimas da Compaña; tremerá na noite ao escoitar o paxaro da morte; enfrontarase co can negro, co lobo branco, coa peregrina, coa zarrulada, co urco e coa pastoriña; visitará cidades asolagadas e enterradas, como Antioquía, Lucerna ou Valverde, pozos piagos e entradas do inferno, camiños ao alén e cabos do mundo; coñecerá os cocos, tales como o home do saco, o sacaúntos, Mariamanta, a meiga dos dentes verdes, o zampón e o orco; lerá «O Ciprianillo» e desatoará decididamente o saco para pillar os biosbardos. Para atopalos, só hai que abrilo por calquera páxina.
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.