Aparece en 1974 Elipsis e outras sombras, libro ó que lle faltaba o seu conto señor e principal «Elipsis», por motivos que o propio Ferrín non podía explicar nos avisos a aquela primeira edición, e ós que si se refire claramente no aviso á segunda, de 1983: «Esta edición inclúe o conto que dá título ao libro e que fora tachado con grosas aspas de lapis vermello na primeira edición». A censura actuaba no final do franquismo, xa un réxime en descomposición, coa mesma dureza que nas décadas anteriores.
A edición completa, que hoxe presentamos revisada polo autor, constitúena oito relatos: «Prólogo. Impunidade» mais seis contos mais «Epílogo. Ditadura das cousas». O primeiro relato fainos ver a continuidade ideolóxica entre un usureiro vi1ego ignorante e reaccionario, e o seu fillo, señorito en Santiago e Madrid, que participará, realizándose plenamente como asasino fascista, nas matanzas posteriores ó levantamento militar de 1936. O último conto transmítenos a voz dunha muller burguesa que, mentres critica o exceso de atención á realidade por parte dos progresistas, pretende coñecer a verdade espiritual e non cesa un momento de aconsellar o consumo de miles productos, para finalmente declarar o seu enorme interés polo producto rei da sociedade que adora: o diñeiro.
Os seis relatos centrais, empezando por Elipsis», son seis variacións sobre un mesmo tema: a loita de clases. Clases que case sempre aparecen configuradas como castes, unhas mantedoras e outras sufridoras de sistemas de producción e maquinarias represivas que reducen ó ser humano á condición de animal inferior, atrapado en tradicións, en ritos, en labirintos deseñados dende o poder para perpetuarse. Nesta dinámica de represión e resistencia, os oprimidos viven instalados na derrota coma unha condena perpetua. Non obstante a vinganza e o triunfo, como en «Elipsis», pode chegar algún día, no remate dun ciclo, para quen conserva o cerne da súa identidade intacto.
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.