Roberto María Blanco Torres (Baños, Cuntis, 1891-San Fiz de Galez, Entrimo, 1936) foi poeta e xornalista. Non frecuentou a escola, mais recibiu do pai unha formación centrada en lingua e literatura latinas que continuou de maneira autodidacta. Roberto emigrou  en 1906 a Cuba. Axiña demostrou  o seu gosto pola poesía e pola actividade xornalística, colaborando desde moi  novo na prensa galega e cubana da illa. Despois dun ano de  estadía en Cuba publicou dous poemas de amor en galego ("Dous toliños" e "O  amor") e un artigo ("¡Intolerable!") na revista Follas Novas. Xa con  vinte anos, dirixiu o semanario bilingüe La Alborada e catro anos máis  tarde fíxose cargo de La Tierra Gallega , publicado na nosa lingua  e en español. Así mesmo enviou artigos desde A Habana a outras publicacións americanas (a arxentina Suevia, por exemplo) e peninsulares (Vida  Gallega, La Publicidad, La Tribuna) e tivo a oportunidade  de contactar coa intelectualidade do país a través da tertulia do café La Puerta del Sol. No ano 1916 Blanco Torres (que tamén  escribiu baixo os pseudónimos Fray Roblanto, Manrique Crespo e Cirilo Crespo)  volveu a terras galegas (Ourense, Pontevedra, Vigo), onde proseguiu coa súa  carreira xornalística. Desde este momento e ata a súa morte dirixiría varias publicacións periódicas (El Noroeste, El Correo Gallego, La Zarpa, Progreso, La República, El País e a revista Ser) e interviría  noutras empresas de dentro do país (Galicia, El Pueblo Gallego, Nós, Galicia Nueva, El Compostelano) e de fóra ( El Sol ), durante a súa estadía  en Madrid. Establecido  definitivamente en Galicia, foi retomando a pouco e pouco a súa relación co galeguismo, aínda que non deixou de escribir para América (Cultura  Gallega, Terra, Céltiga, Galicia, Raza Celta).  Ingresou nas Irmandades da Fala, asistindo á I Asemblea, celebrada en Lugo en  1918, como representante da Coruña. Participou activamente nas posteriores  convocatorias asamblearias da organización, chegando a ser nomeado conselleiro  de publicidade. A súa pluma estaría presente aínda nas publicacións nacionalistas (A Nosa Terra, Nós, Rexurdimento) e, a partir do golpe de  Estado de Primo de Rivera (1923), centraría os seus esforzos en burlar a censura  política exercida nos xornais, sobre todo desde o seu posto de vocal na  Asociación da Imprensa de Vigo, cargo que ostentaba desde 1930. A finais da década de vinte apareceu  recollida en volume a súa obra literaria, constituída polo poemario Orballo da media noite (1929, Xerais 1999) e De esto y de lo otro (1930), unha  compilación de diversos artigos e escritos ensaísticos en español, a maior parte deles xa publicados. A preocupación social de Blanco  Torres ficou patente tanto nos seus versos como na súa producción en prosa, que xira á volta de temas varios: o mundo  político, o galeguismo, a emigración, a lingua da Galiza, a literatura, a  filosofía... "Tres discursos â mocedade galega" e un romance en español ficarían  inéditos.  Paralelamente desenvolveu un considerable labor político dentro da esfera republicana, sempre próximo a posturas galeguistas. En 1930  asinou o Pacto de Lestrove -promovido pola Organización Republicana Galega  Autónoma (ORGA)- e no ano seguinte acudiu á Asemblea pro Estatuto convocada pola  ORGA na Coruña. Chegou a formar parte tamén da estrutura política  republicana, sendo designado en 1932 gobernador civil de Palencia. Cando se produciu o levantamento  armado de 1936, estaba a ocupar o posto de xefe do Gabinete de Prensa do  Ministerio de Gobernación e viña de presidir na capital española un mitin de  apoio ao Estatuto de Autonomía galego. Nestas circunstancias Blanco Torres, caeu preso na súa casa de Amido, na  Peroxa (Ourense), sendo transladado ao cárcere ourensán. Meses despois sería  "paseado" na aldea ourensá de San Fiz de Galez, en Entrimo. Enterrado nunha fosa  común, ningunha indicación permite coñecer o lugar exacto da súa sepultura. Á  súa figura dedicouse o Día das Letras Galegas de 1999.