“Soños. Arquivos. Cartas” é unha obra experimental e aberta que entra en diálogo co diario poético e co xénero epistolar, explorando os puntos de xuntura entre estas dúas modalidades de escrita. Fronte á tradición que ve no poema o reino da expresión subxectiva, o libro sostén que a poesía é un xeito privilexiado de apertura aos outros. “Soños. Arquivos. Cartas” componse de fragmentos cosidos por un fío narrativo, non propiamente novelesco, que é o da vida, o dos días pasados e presentes, posto ao servizo dunha procura: falar das condicións nas que ese lume lento que sempre arde nas mans e que chamamos poesía pode ou non ser transmitido ás ávidas mans daqueles que o procuran. Un libro que, a imitación do delgado fío vermello da vida, ve na poesía unha herdanza oculta que pasa por enriba de case todo e de case todos. Por iso mesmo, é un libro sobre o amor, semellante neste concepto a case todos os da autora. Mais, a diferenza doutros, “Soños. Arquivos. Cartas” non rende tributo aos amores persoais senón á forza que precisamos para que as cousas que acontecen no día a día (as conversas, as lembranzas, os soños, os encontros, os espertares, as noites, os paseos, os poemas) merezan verdadeiramente ser vividas.
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.