Fran Bueno (Santiago de Compostela, 1967 é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid.
Rematados os estudos traballou en cómic e ilustración de libros de texto. Participou na creación do Estudio Tangaraño con compañeiros reunidos nun curso de animación de Dygra Films. Durante tres anos fixeron libros, obras divulgativas e animación para a TVG.
Comezou a publicar cómics de ficción debuxando a serie «Os Escachapedras» para a revista «Golfiño», con Marilar Aleixandre nos guións. Pouco despois deu o salto internacional, traballando primeiro en Francia e despois nos Estados Unidos, para coleccións como «Noble Causes» ou «Graveyard Shift», ambas as dúas escritas por Jay Faerber para Image Comics.
Ao mesmo tempo escribiu e debuxou cómics como «Palmira e Marcial, odisea medioambiental», un traballo divulgativo para a Xunta de Galicia; «Moncho Valcarce», unha biografía do famoso cura activista ou «Catálogo oneroso de beleza gratuíta», co que gañou o premio Castelao en 2013.
Foi mestre na escola profesional de cómic o Garaxe Hermético, fundada por Kiko da Silva. Durante nove cursos impartiu as materias de entintado tradicional, anatomía e perspectiva.
Ao longo dos anos creou múltiples ilustracións para anuncios, manuais e libros infantís e xuvenís, e compartiu créditos con escritoras como Helena Villar Janeiro, Marilar Aleixandre, Agustín Fernández Paz, Xosé Antonio Neira Cruz, Xelís de Toro, Iolanda Eiras, An Alfaya ou Yolanda Castaño.
Dende 2019, representado pola axencia Astound, participou en numerosas publicacións británicas e estadounidenses. Entre elas pódense citar «The Haunted High-Tops», escrito por Rosie Knight para Capstone Publishing; «The bravest roman of all», escrito por Leila Rasheed para Oxford University Press ou «Archives of the unexplained: Area 51», un cómic para First Second escrito por Steve Foxe.
En Xerais publicou os seguintes libros: «A lenda da cidade asolgada» (1995), «O laboratorio do doutor Nogueira» (1998), «Ith» (2001), «Baldrás, o xigante» (2009) e «Oficio nocturno» (2026), con guión de Diego Ameixeiras.
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.