Hai manuais para o automóbil, para a lavadora, para o computador. O libro de instrucións converteuse nunha constante no vivir cotián, nun referente necesario para nos mover con naturalidade nun mundo altamente tecnoloxizado. Mais, paradoxalmente, saímos ó mundo -o mundo real, o que está fóra das fronteiras do noso territorio doméstico- sen unhas instrucións mínimas. Por iso, é tan importante repensar un método para cada cousa, para procurar a sombra dunha árbore, para non nos facer adultos no peor dos sentidos, para ser quen de relativizar a nosa felicidade e valorala no que vale, para rir a cachón de todo o que nos arrodea, para non sentir un baleiro inmenso dentro de nós, para non ter medo cando se vai a luz e quedamos sós no cuarto sen a compaña do televisor.
Desde o título á estrutura, pasando por algunhas das instrucións, e na mesma concepción desta nova entrega de Xavier Queipo, este texto deixa un pouso da escola patafísica e aos escritores da escritura potencial (OULIPO); influencias francesas, querencias por parábolas de palabras e definicións que xa transpiraban en moitos dos textos anteriores de Xavier Queipo, como “Contornos” e “Mundiños”.
Xavier Queipo escribiu este “Manual de instrucións” baseándose consciente ou inconscientemente nas lembranzas que tiña das “instrucións” de Cortázar. Conxunto de textos que recollen un montón de reflexións espurias e algo de ironía entendida como unha forma de agresividade. Para o escritor Xelís de Toro “Xavier Queipo sitúase no medio de nós e o televisor e invitanos a apagalo e a ler o “Manual de instrucións”. Unha voz certeira e directa que nos presenta con interrogantes e nos cuestiona as nosas maneiras de vivir. Unha voz inusual que nos chama a descubrir o feitizo das cousas e das nosas vidas, e que nos invita a levar este Manual como cómplice das nosas viaxes a lugares aos que tememos chegar. Como bo Manual, cumpre o que ten que cumprir, explica as instrucións a seguir con claridade.
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.