Miguel Anxo Alonso Diz (Madrid, 1976). Licenciado en Economía, compatibiliza o exercicio da docencia coa súa actividade literaria e con diversas colaboracións en Radio Allariz e en varios blogs. Ten participado en numerosas iniciativas culturais en Galicia e Portugal, así como na meirande parte dos festivais de poesía que se organizan en Galicia. É membro de A Porta Verde do Sétimo Andar, un dos impulsores dos Cadernos Q de Vián e colaborador en diversas publicacións. Tamén participou na organización e presentación do Poetry Slam Vigo. Destaca o seu labor como contacontos así como as súas colaboracións cos servizos de dinamización lingüística de diversos concellos e centros educativos, tanto como contador de historias como impartindo obradoiros de poesía e de escrita. No ano 2012 deuse a coñecer no eido da literatura infantil e xuvenil xunto á ilustradora Luz Beloso coa obra «O cullarapo Croque». Outros títulos seus son «A nena á que non deixaban ser feliz»; «O soño de Esther»; «O valente coello que quixo soñar» e «Mel, unha mosca agradecida». En 2017 obtivo o Premio Paraugas do Clúster de Comunicación de Galicia ao libro infantil do ano xunto a Xosé Tomás. En Xerais ten publicadas as novelas infantís «Música no faiado» (2018), «Instrucións para ler este libro» (2022) e «Axencia Galega de Asuntos Máxicos» (2024).
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.