Teresa Barro (A Coruña, 1936) estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse na Universidade Central de Madrid en 1960. En 1963, pouco despois de casar con Fernando Pérez-Barreiro Nolla, marchan xuntos para Londres.
É estudosa da Astroloxía e realizou os cursos de Certificado e Diploma da Facultade de Estudos Astrolóxicos de Londres. Impartiu clases de tradución ao español nas universidades de Thames Valley e de Westminster.
En 1970 foi cofundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, onde aínda segue integrada na actualidade.
Académica correspondente da Real Academia Galega, ademais de numerosos artigos e ensaios en revistas e xornais, publicou as seguintes obras: Cartas a Rosalía (1981), Contos de Andersen (tradución ao galego, 1983), Introducción á Astroloxía (1983), Alicia no país das marabillas (tradución ao galego, Xerais, 1984, Premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís, 1985), Alicia do outro lado do espello (tradución ao galego, Xerais, 1985), Fábulas de Esopo (tradución ao galego, 1997), Dentro e fóra (2002).
Publica en castelán en Viento de marzo: Hojas de pensamiento aireado (http://www.vientodemarzo.blogspot.com), onde se pode seguir o seu ensaio Myths and Mentalities.