Xabier Quiroga, que prefire non divulgar datos biográficos e que segue a considerar que «na literatura importa a obra en si e non a montaxe que se argalla arredor dela», deuse a coñecer con «Atuado na braña» (Xerais, 2002), novela longa que recibiu unha calorosa acollida da crítica (Premio Losada Diéguez 2002, Finalista do Premio Arcebispo San Clemente 2002 e do Premio Novela Europea Casino de Santiago 2002). A seguir entregou unha pequena alfaia literaria, «Era por setembro» (Xerais, 2004), novela de formato máis breve que seduciu pola «emoción que destila no recanto de cada páxina». Volveu tras os pasos da súa primeira novela en «Se buscabas un deus» (Xerais, 2006), unha reflexión sobre o futuro que nos agarda.
As súas seguintes achegas consolidárono como un autor de referencia nas letras galegas: «O Cabo do Mundo» (Xerais, 2009) e «Zapatillas rotas» (Xerais, 2014) outorgáronlle os Premios da Crítica de 2010 e de 2015, respectivamente; e a sorprendente «Izan o da saca» (Xerais, 2015) recibiu o Premio Arcebispo San Clemente 2016 e mais o favor do público lector. Con «O baile dos estorniños» (Xerais, 2021), que ten en común con «O Cabo do Mundo» e «Izan o da saca» a investigación histórica e a presenza do personaxe Reina, culminou a súa Triloxía da Ribeira Sacra. A súa novela máis recente é «Coa man esquerda» (Xerais, 2023).
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.